viernes, marzo 29, 2024
InicioComarcasLouriñaA Xunta achega 5M€ a Zendal para a especialización en vacinas

A Xunta achega 5M€ a Zendal para a especialización en vacinas

A Xunta de Galicia achega 5 millóns de euros a Zendal para poñer en marcha en Galicia un centro de investigación de alta tecnoloxía especializado na fabricación de vacinas.

O Consello da Xunta anunciou esta mañá que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), asinará un convenio de colaboración con Zendal por un importe de 5 millóns de euros co obxectivo de impulsar a creación dun centro de investigación de alta tecnoloxía no Porriño no que se fabriquen vacinas contra a covid-19 e a tuberculose.

En concreto, Zendal, que se compromete a realizar un investimento final de 10M€ na construción deste novo equipamento en Galicia, contempla un centro destinado á investigación cun laboratorio de control de calidade e unha planta piloto para achegar seguridade e garantía ás operacións de investigación, desenvolvemento e produción dos produtos durante o proceso de fabricación de vacinas. 

Con este investimento tamén se busca apoiar a posta en marcha de novas instalacións dedicadas á saúde humana e animal. Así, traballarase na consolidación de dúas novas plantas destinadas ao aumento da capacidade produtiva mundial para combater a pandemia xerada pola covid-19, pero tamén para consolidar o desenvolvemento, produción e distribución a nivel mundial da nova vacina contra a tuberculose. Por outra parte, agárdase recuperar a capacidade produtiva da planta de saúde animal.

A iniciativa enmárcase no proxecto co que Zendal agarda conseguir fondos euros. Unha iniciativa, apoiada pola Xunta e que está dentro da candidatura Next Generation Galicia,  que recolle un investimento de 111 millóns de euros co obxectivo último de incrementar a capacidade de produción e distribución mundial de vacinas. Neste sentido, o Executivo galego agarda que o Goberno amose a súa implicación neste proxecto, prestándolle a atención que se merece e concedéndolle a Zendal fondos no marco dos Next Generation.

Con este convenio, a Xunta ratifica o seu compromiso co crecemento empresarial biotecnolóxico, materializado de feito na Estratexia Galega de Consolidación da Biotecnoloxía 2021-2025. Dotada con máis de 400 millóns de euros de investimento público, a previsión é acadar unha mobilización final de 600M€ grazas á colaboración público-privada. 

A través desta nova folla de ruta, Galicia tamén agarda incrementar nun 50% o número de empresas deste sector, crear máis de 500 empregos cualificados e aumentar o gasto en I+D+i en biotecnoloxía nun 45%.

Dentro da estratexia biotecnolóxica galega, xa se están impulsando diferentes actuacións, como os convenios con Innopharma e Bioga, a posta en marcha do Polo Biotech en Santiago de Compostela ou a Business Factory Medicines (BFMedicines), ademais de convocatorias de axudas como o programa Conecta Covid ou o apoio ao Hub de innovación dixital DATAlife.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES