viernes, marzo 29, 2024
InicioComarcasLouriñaA cultura toma as rúas no Porriño

A cultura toma as rúas no Porriño

Os artistas de O Porriño Arte pintan ao aire libre aos pés do Concello.

No Porriño a cultura sae á rúa. Co fin de potenciar o tecido cultural do municipio a praza Arquitecto Antonio Palacios servirá de escenario para mostrar e poñer en valor as actividades que desenvolven os diferentes colectivos.

“Queremos que o traballo das nosas asociacións culturais e veciñais teña un maior protagonismo”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “A praza é un lugar céntrico polo que cada día pasa moita xente e que poidan admirar os traballos que fan conseguirá atraer a máis persoas. A cultura non é excluínte e no Porriño non debe selo tampouco, a nosa intención é que a totalidade da actividade que se desenvolve nos diferentes centros culturais se coñeza e sexa accesible”.

Para iso, dende o Concello convidarán aos colectivos veciñais e culturais a realizar a súa actividade ao aire libre no centro urbano. Os primeiros deles foron os artistas da asociación O Porriño ARTE, que armados cos seus lenzos e pinceis protagonizaron unha xornada de pintura ao aire libre a pasada semana.

O Porriño ARTE

A asociación xa leva 17 anos en activo e dende entón son moitos os porriñeses e porriñesas que comezan a aí súa andadura no mundo da pintura. Neste momento son arredor de 20 as persoas que aprenden debuxo, pintura e escultura da man da pintora local, Nuria Vilanova.

Durante todo o curso dan as súas clases no centro cívico e, unha vez ao ano, expoñen os seus traballos para que todos poidamos gozar deles.

Pintar na praza do Concello foi unha experiencia nova para eles que resultou “maravillosa”. “Estivemos encantados, foi unha bonita experiencia para todos”, explicou Nuria Vilanova, “Puideron pintar con luz natural que é moi diferente á do estudio e non se sentiron intimidados pola xente en absoluto, ao contrario, achegouse moita xente para interesarse polo seu traballo e resultou moi gratificante”.

Cabe destacar, que serán máis as actividades que se desfrutaran na praza. “Todas as que se desenvolven nos centros culturais e asociacións teñen cabida”, concluíu o edil de Cultura e Asociacións, Bienvenido Estévez, “Temos unha actividade cultural moi rica e queremos que crear esa sinerxía non só coa cidadanía, senón tamén entre as diferentes asociacións para poñer en valor todo o que somos e facemos no Porriño”.

 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES