viernes, abril 19, 2024
InicioComarcasLouriñaA cultura invade O Porriño con teatro e música como protagonistas

A cultura invade O Porriño con teatro e música como protagonistas

O Concello presentou a súa oferta cultural para os próximos tres meses, dirixida tanto a público adulto como infantil.

A concellería de Cultura, que dirixe Bienvenido Estévez, presentou hoxe a súa programación cultural para este trimestre. Música, teatro, animación á lectura e conferencias conforman esta oferta cultural dirixida tanto a público adulto como infantil.

A música será unha das grandes protagonistas. Coincidindo co Día de Rosalía de Castro a pianista Andrea García González ofrecerá un concerto no Círculo Recreativo Cultural e o domingo 20 de marzo, será o músico de jazz Rafa Fernández quen actúe na praza Arquitecto Antonio Palacios.  Tamén haberá pasarrúas a cargo dos grupos folk Carapaus, Fondaos do Pífaro e da Asociación Cultural de Mosende.

Para celebrar o día de San Valentín, a reputada Tuna da Facultade de Dereito de Santiago de Compostela percorrerá as rúas e prazas do Porriño . 

O teatro será parte importante da oferta cultural do Porriño para este trimestre, tanto para o público familiar como para os máis pequenos. A compañía Animar-T representará a súa obra musical “De cando un paxariño espertábame tódalas mañás no confinamento” para conmemorar o Día Internacional do Teatro, e tamén se subirá o telón para disfrutar das propostas de Atrezo Teatro “Que familia!” e “Pequeatrezos” e de “A nena que se comia todos os contos” de Trémola Teatro.

“A progamación base que hoxe presentamos completarase coas específicas deseñadas para celebrar o Entroido e conmemorar o Día Internacional da Muller e o Día de Rosalía de Castro, que se farán públicas nos próximos días”, indicou o concelleiro, Bienvenido Estévez.  

Pola súa banda, o alcalde Alejandro Lorenzo, explicou que a “cultura será un dos nosos eixos esenciais, queremos que O Porriño sexa un referente cultural”. “Queremos que as manifestacións culturais aneguen a nosa vila, sacalas á rúa e traballamos para que, nos vindeiros meses, cada fin de semana actúen no Porriño agrupacións e artistas locais, ademais dos grupos das nosas asociacións culturais e veciñais”, concluíu o rexedor. 

 

 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES