viernes, marzo 29, 2024
InicioComarcasLouriñaA cativada do Porriño toma a palabra

A cativada do Porriño toma a palabra

A sesión plenaria convocada con motivo do Día Mundial da Infancia tratou sobre os dereitos dos nenos e nenas e o impacto que ten sobre o seu benestar e calidade de vida que estes se vexan limitados

18 estudantes dos dez centros educativos do municipio participaron o pasado venres no Pleno Infantil do Concello do Porriño, que tivo lugar como corresponde no salón de plenos e estivo presidido polo alcalde, Alejandro Lorenzo.
A sesión, convocada con motivo do Día Mundial da Infancia que se celebra todos os 20 de novembro, xirou arredor do lema “dereitos e emocións”, algo, como destacou o rexedor “moi importante para todos e todas, xa que cando un neno ou unha nena ve limitados os seus dereitos ve tamén limitado o seu benestar e por iso, dende os concellos temos que asegurarnos de que os nenos e nenas do Porriño vos sintades satisfeitos e felices de vivir aquí”.
Lorenzo comprometeuse a “poñer os dereitos da infancia no centro, dereitos como a educación, a saúde mental ou a protección fronte a calquera tipo de violencia” e para facelo posible “necesitamos a vosa opinión e as vosas propostas”.
E así foi, o acto que comezou coas achegas dos representantes dos diferentes centros que propuxeron a creación de espazos públicos para deporte ao aire libre, clubs de lectura xuvenil, obradoiros de xestión emocional para nenos/as e mozos/as, máis árbores nas beirarrúas, unha piscina ao aire libre ou un centro de atención psicolóxica para a xuventude, entre outras.
A orde do día incluía tamén a posta en marcha da iniciativa “A hora de dar” que recollerá alimentos e produtos de primeira necesidade para os nenos e nenas que máis o necesitan e que foi aprobada por unanimidade. Tamén a lectura e debate do Manifesto da infancia e adolescencia 2022 que foi apoiado por todos os grupos e trasladado ao alcalde co compromiso de que se faga público.
Como todas as sesións plenarias, rematou co punto de rogos e preguntas. Participaron como corporativos Martín Táboas (CPR Santo Tomás), Nicolás Vázquez e Antía Reboredo (CEIP de Atios), Daniel Lareo e Amaia Fandiño (CEIP Cruz Budiño), Andrea Rodríguez e Joel Gil (CEIP da Ribeira), Claudia Carballo e Erik Rodríguez (CEIP Antonio Palacios), Ibai Gómez e Alonso Rodríguez (Aceesca), Carmen Pereira e Alba Sousa (CPR Hermanos Quiroga), Sofía Martínez e Aroa Nogueiras (CEIP Xosé Fernández López), Uxío Pereiro e Borja Lorenzo (IES Ribeira do Louro) e Sara Feijóo e Luis Rodríguez (IES Pino Manso).
O pleno foi retransmitido en directo e está dispoñible na páxina web www.oporrino.org .

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES