jueves, marzo 28, 2024
InicioNewsComarcasFitur "degusta" o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño

Fitur «degusta» o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño

Alcaldes e alcaldesas presentan a campaña ‘Degusta’, na que se destaca o valor gastronómico do Xeodestino

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño desembarcou este mércores en FITUR cun obxectivo claro: que as e os visitantes degustaran e saborearan cada recuncho do territorio. Fíxoo “cunha narración na que a protagonista é a gastronomía e as persoas profesionais cos que contamos para que os nosos produtos se ofrezan ás e aos turistas con calidade, exquisita preparación e cunha presentación que sorprende e deixa pegada”, como salientaba durante o acto de presentación o representante institucional do Xeodestino e alcalde de Nigrán, Juan A. González.
Todo conseguido, como sinalaba Sandra González, presidenta da Asociación de Desenvolvemento Rural Galicia Suroeste Eu Rural e alcaldesa de Tomiño, grazas “ao esforzo colectivo dos 14 concellos que compoñen o Xeodestino, porque ese traballo xuntos e xuntas, en equipo, sen fisuras, é o que fai que sexamos máis fortes”. “É un orgullo ter sacado con este éxito o noso Xeodestino, que para nós supón un reto, para o noso territorio unha mellora e para os nosos veciños e veciñas unha nova forma de entender, gozar e divulgar todo o que temos”, recalcou.

Os protagonistas, os profesionais
Os verdadeiros e verdadeiras protagonistas da nova campaña presentada en FITUR, ‘Degusta Ría de Vigo e Baixo Miño’ foron os profesionais que están a facer un excelente traballo poñendo en valor os produtos locais do Xeodestino e ofrecendo ás e aos turistas a mellor versión do territorio. O chef de cociña do Hotel Talasso Atlántico e protagonista do vídeo central da campaña, Javier Fins, quen vive “fronte a unha praia marabillosa e traballo a pés do Atlántico máis salvaxe, un sitio que inspira, cun produto incomparable e con persoas produtoras e artesás de gran nivel que permiten crear menús como o que presentamos e que agardamos que veñades a desfrutar”.
José Manuel Fernández, mestre panadeiro do Forno de Mosende do Pan do Porriño agradeceu facer cada día o que lle gusta “nun lugar cunha tradición incrible e nunha das zonas de España onde a cultura do pan é das máis lonxevas. Con catro ou cinco ingredientes conseguimos crear un produto sinxelo e complexo á vez que acompaña nesta campaña a un produto e unha elaboración incribles”. Pola súa banda, Fátima Beamonte, artesá ceramista de Baiona e creadora das pezas nas que se emprata o menú do vídeo da campaña, explicou que as súas obras “están creadas inspirándome no lugar que me rodea, intentando transportar á e ao comensal aos lugares onde foron ideadas. Sempre é un reto incrible pensar en como o van beber, comer ou intuír os produtos que van conter”.

O acto de presentación en FITUR contou tamén coa presenza da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que cualificou ao Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño como a despensa do sur de Galicia e destacou a posta en valor polo produto local do territorio. Un aspecto no que tamén coincidiu José Manuel Miñones, delegado do Goberno do Estado en Galicia, que sinalou que o Xeodestino é quen de espertar a necesidade de degustar este destino de visita obrigada”.
No acto participaron, entre outras autoridades, os alcaldes e alcaldesas do Xeodestino xunto aos de Nigrán e Tomiño, como Antonio Lomba, da Guarda; Carlos Gómez, de Baiona; Paco Ferreira, de Gondomar; Nidia Arévalo, de Mos; Alejandro Lorenzo, do Porriño; Ánxela Fernández Callís, do Rosal; Eloísa Nogueira, de Pazos de Borbén; Digna Rivas, de Redondela; Agustín Reguera, de Soutomaior e Enrique Cabaleiro, de Tui, ademais de concelleiros e concelleiras dos municipios do territorio e técnicos e técnicas do territorio

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES