sábado, abril 20, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoO xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño leva a FITUR ás...

O xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño leva a FITUR ás mulleres do camiño portugués

O alcalde de Nigrán, Juan A. González, será o novo representante institucional.

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño continúa a dar pasos para dar a coñecer o seu potencial turístico. As alcaldesas e alcaldes dos 14 concellos que abrangue o Xeodestino (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui) celebraron unha reunión no Pazo de Mos para facer balance do último ano e quentar motores para participar por terceiro ano consecutivo na Feira Internacional de Turismo de Madrid, FITUR, un dos principais encontros do sector turístico de Europa. 

Nesta ocasión, o Xeodestino levará á cita ás ‘Mulleres no Camiño Portugués’, «unha orixinal proposta na que varias protagonistas vinculadas profesionalmente ao mundo do turismo ofrecen unha narración coral contando a súa experiencia e a importancia que ten para os concellos do territorio o Camiño de Santiago», segundo apuntan nun comunicado.  As propias protagonistas presentarán a iniciativa acompañadas da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o vindeiro xoves 20 de xaneiro ás 11.30 horas no stand oficial de Galicia no pavillón 9 de FITUR. Será o último evento da rexedora de Mos como representante institucional do Xeodestino, tras dous anos ao fronte tras a chegada da pandemia e a reactivación da actividade o pasado ano. Daralle o relevo como representante institucional o alcalde de Nigrán, Juan A. González. 

Balance positivo

Durante o encontro, os rexedores e rexedoras fixeron un percorrido por todas as accións celebradas o pasado ano 2021, que o Xeodestino pechou «cun balance moi positivo». Ademais da elaboración de material promocional, da continua visibilización do territorio a través da web e das redes sociais, tamén se ampliou o banco de imaxes, recollendo un alto número de imaxes que reflicten a experiencia de vivir e desfrutar dos concellos do xeodestino.

Pero se houbo algunha das accións que destacara máis foi a posta en contacto por primeira vez ás diferentes empresas turísticas e do sector primario do territorio no que participaron arredor de 40 entidades, xerando relacións e potenciais sinerxías entre elas. Tamén se levaron a cabo accións de promoción da enogastronomía, como a posta en marcha dunha food truck itinerante por diferentes puntos de Galicia para a degustación de produtos da terra: 5 días de xira con 8 receitas diferentes que remataron con máis de 1.000 tapas servidas.

Durante o encontro acordaron ademais a presentación da candidatura do Xeodestino á convocatoria do Plan de Sostibilidade Turística en Destino, un instrumento co que se busca dar pulo á transformación do territorio baseándose nun produto turístico sustentable. 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES