viernes, marzo 29, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoComezan as obras para adaptar a catedral de Tui a usos museísticos

Comezan as obras para adaptar a catedral de Tui a usos museísticos

A intervención, que se licitará proximamente, inclúe a mellora da accesibilidade e a rehabilitación das cubertas do claustro.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou hoxe a Catedral de Tui, onde está previsto licitar nas próximas semanas unha serie de actuacións para adecuar o Pazo Episcopal a usos museísticos. Trátase dun proxecto no que colaboran a Xunta de Galicia, o Ministerio de Fomento e a Diocese de Tui-Vigo e que se enmarca no Plan Catedrais no que traballa a Administración autonómica para actuar nos templos catedralicios da Comunidade co horizonte do Xacobeo 2027.

Como explicou o responsable de Cultura, o proxecto é un exemplo de colaboración entre administracións que permitirá actuar tanto no interior como no exterior do Pazo Episcopal mellorando a súa accesibilidade e rehabilitando as cubertas do claustro para adaptar á edificación a novos usos museísticos. Trátase dunha intervención financiada ao abeiro do 1,5% cultural que, no seu conxunto, conta con preto de 600.000€ de orzamento, dos que a Xunta achega 175.000, e que, tal e como engadiu, garantirá que o templo tudense continúe sendo «unha das principais iconas do concello e un punto de referencia para a sociedade e paisaxe urbana de Tui».

Nesta liña, o conselleiro incidiu en que tanto as actuacións que se porán en marcha en Tui, como as que a Administración autonómica impulsa en diferentes puntos da xeografía galega, «requiren que todas as administracións implicadas traballemos xuntas, de xeito planificado, coordinado e sumando vontades e esforzos».

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES