viernes, marzo 29, 2024
InicioNewsComarcasA Xunta impulsa o plan territorial de destino turístico do Condado e...

A Xunta impulsa o plan territorial de destino turístico do Condado e A Paradanta

O xeodestino foi presentado na xornada inaugural de Fitur

A Xunta de Galicia está a impulsar o desenvolvemento dun Plan Territorial de Destino Turístico, un dos once de toda a comunidade, no xeodestino pontevedrés do Condado e A Paradanta. O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, confirmou que este proxecto, centrado na enogastronomía, conta cun financiamento de 1,5 millóns de euros de fondos europeos e ten o decidido apoio do Goberno galego.
“O GDR do Condado e A Paradanta é o exemplo do traballo ben feito, xa que o pasado ano puxeron en valor a súa oferta transversal baseada na natureza e, nesta ocasión, complementan este potencial turístico cunha aposta pola especialización en torno á súa potente enogastronomía”, salientou o representante autonómico durante a presentación deste xeodestino na xornada inaugural de Fitur, a feira internacional de turismo que se celebrará ata o vindeiro domingo no recinto do Ifema en Madrid.
Luis López lembrou que este destino, conformado polos dez concellos do Condado e A Paradanta e polo municipio veciño de Salceda de Caselas, ten uns “indubidables e coñecidos atractivos naturais e paisaxísticos”, como o punto máis alto da provincia, o Faro de Avión en Covelo, o río Miño, innumerables sendeiros, patrimonio, arquitectura e historia.
Por elo, considerou “moi atinada” a evolución da súa proposta turística en torno á enogastronomía, que ademais vai poder desenvolverse axeitadamente grazas aos fondos europeos. “Unha terra coa lamprea de Arbo, que aspira merecidamente a ser Festa de Interese Turístico Internacional, o xamón da Cañiza, o viño Rías Baixas en moitos concellos e cunha recoñecida feira en Salvaterra, o requeixo das Neves ou as augas de Mondariz, entre moitos outros, está obrigada, no bo sentido do termo, a dalos a coñecer en todo o mundo”, manifestou o delegado territorial.
Luis López, que estivo acompañado na presentación polos alcaldes de Covelo e As Neves, Pablo Castillo e Xosé Manuel Rodríguez, en calidade de presidente e vicepresidente do GDR, respectivamente, rematou poñendo en valor a crecente oferta de aloxamentos nos dez concellos deste xeodestino, que alcanzou os 166 establecementos ao peche do pasado exercicio. “Os datos, moitas veces fríos, reflicten a realidade do traballo ben feito, porque cada vez hai máis xente que quere coñecer o Condado e A Paradanta e por iso cada vez hai máis aloxamentos e proxectos turísticos”, concluíu.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES