martes, abril 23, 2024
InicioA terraPersoasNidia Arévalo, vocación política familiar

Nidia Arévalo, vocación política familiar

Como rexedora local logrou dotar ao municipio mosense dun PXOM en 2017 e creou tamén un Servizo Municipal de Transporte

Nidia María Arévalo Gómez (25 de abril de 1975) é alcaldesa de Mos desde 2008. Actualmente é vicepresidenta do PP de Pontevedra e continúa na Alcaldía de Mos tras lograr 3 maiorías absolutas nos comicios locais. Forma parte do Comité Executivo Provincial do Partido Popular desde o ano 2000. Foi deputada provincial desde 2003 a 2007 polo Partido Xudicial de Tui e desde xullo de 2015 é deputada e portavoz do Grupo Provincial do PP.
Como rexedora local logrou dotar ao municipio mosense dun PXOM en 2017, sendo Mos un dos únicos 49 concellos dos 313 de Galicia que ten o seu Plan Urbanístico actualizado e adaptado á normativa vixente. Creou tamén un Servizo Municipal de Transporte, o bus urbano de Mos, inexistente no municipio ata o ano 2016.
Inaugurou en 2012 o Parque Empresarial PEMOS-Veigadaña que hoxe se atopa practicamente ao 100% de ocupación, cunha ampliación de solo industrial prevista no próximo polígono de Arrufana.
Trátase dunha rexedora municipal moi concienciada coas políticas de conciliación da vida familiar e laboral, nos seus anos como alcaldesa logrou que Mos pasase de ter unha única escola infantil (Porteliña) a catro: Cototorrón, Veigadaña e Trastes (tamén en Veigadaña e xestionada pola Asociación de Empresarios de Mos).
Durante o seu goberno logrouse instalar case o 100% do saneamento público no municipio, así como a acometida de grandes proxectos de humanización, dentro do Plan Mos Humanizado ou ‘Mos das persoas’.

Inicios políticos e traxectoria

Iniciouse no ano 1999, con 23 anos, como concelleira. Naquel momento gobernaba no Concello de Mos o alcalde popular Ramón Alonso e ela levaba as concellerías de Mocidade e Servizos Sociais. Durante ese período como concelleira creou tamén a concellería de Muller.
En 2003, pasou a formar parte como deputada da Deputación Provincial de Pontevedra, con Rafael Louzán, como presidente. Ela levaba entón as áreas de Benestar Social e Emprego provincial xestionando os fondos europeos que se investían na provincia. Nese tempo, ademais, continuou sendo concelleira de Mos, na oposición.
De vocación política familiar, pois o seu avó, Ramón Gómez, foi concelleiro tamén no Concello de Mos cando ela era nena, iniciou a licenciatura de Químicas na Universidade de Vigo, que deixou a un lado para dedicarse totalmente á tarefa política. No plano persoal e familiar, é a maior de tres irmáns e a única muller dos tres. É nai dunha nena desde o ano 2015.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES