viernes, abril 19, 2024
InicioComarcasLouriñaVolven as xornadas micolóxicas a Mos

Volven as xornadas micolóxicas a Mos

A iniciativa reúne gastronomía, cultura, micoloxía e formación forestal ao longo da vindeira semana que culmina o domingo 21 cunha gran degustación e mercado na contorna do Pazo de Mos

 O Bar Miro Pereira, en Petelos, acolleu a presentación da XVII Edición das Xornadas Micolóxicas e Forestais do Concello de Mos. O acto contou coa asistencia do concelleiro de Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, e membros da corporación municipal; da bióloga e experta micóloga Puri Lorenzo; Ramón Muíños, da Comunidade de Montes de Mos e representantes dos cinco restaurantes mosenses participantes que ofreceron unha degustación dos pratos que van a servir na Gran Degustación de Cogomelos que se celebrará no contorno do Pazo de Mos o domingo 21 de novembro de 12.00 a 15.00 horas.

Leo Costas, concelleiro de Medio Ambiente:

Ramón Muíños, representante da Comunidade de Montes de Mos:

 

A Gran Degustación do domingo 21 de novembro na contorno do Pazo de Mos estará complementada co V micomercado (mercado micolóxico). A xornada gastronómica prolongarase dende as 12.00 e ata as 15.00 horas. De 11.00 horas a 14.00 horas e de 17.00 horas a 20.00 horas estará aberta ao público no Pazo de Mos unha exposición e consulta sobre cogomelos. E ás 12.30 horas haberá unha actuación do Grupo Acordeireta. Xa pola tarde, ás 18.00 horas, actuarán Xoan Curiel e Charo Pita co espectáculo “Canta miña pedra, canta”.
A Adega da Tía Carmen servirá croquetas de setas con castañas e empanada de trigo con setas e castañas, Miro Pereira polo en crema de setas, Bar Restaurante Curuxeira fajitas recheas de setas e polo e tortilla de xamón e setas, Casiña da Tía Albina filloas de champiñóns con gambas e filloas de champiñóns con gulas e Tapería A Cova da Santa pizza mar e monte: salmón afumado con variado de setas.
As Xornadas son posibles grazas á colaboración de Concello e Comunidade de Montes de Mos, que as organizan conxuntamente, a participación e implicación dos hostaleiros, e subvención da Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.

Charlas e conferencias

Como cada ano nas Xornadas Micolóxicas de Mos, e tras o parón do ano pasado por mor da crise sanitaria da COVID-19, regresan as charlas e conferencias didácticas sobre micoloxía. Serán todas ás 20.30 horas no Pazo de Mos. O luns 15 de novembro Xosé Braulio Mondragón Abuín falará sobre ‘As 10 herbas máis importantes do bosque’. O martes 16 de novembro Fernando Gerino Ferreirós Soutiño, dará a conferencia titulada ‘Froitos, diversidade é riqueza’. O mércores 17 Marisa Castro, Investigadora en Micoloxía no Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo, ofrecerá a ponencia ‘Intoxicacións por cogomelos’. O xoves 18 Puri Lorenzo, Bióloga especialista en Micoloxía do Grupo Micolóxico Galego Luis Freire, falará sobre ‘Cogomelos nos ecosistemas galegos’. E o venres 19 de novembro José Luis Tomé, da Federación Galega de Micoloxía, ofrecerá a charla ‘Cociñando cogomelos’.

Saída para a recollida de cogumelos

Por último o sábado 20 de novembro de 10.00 horas a 13.30 horas realizarase a tradicional saída para a recollida e identificación de cogomelos guiada por monitores especializados. Para participar é necesaria inscrición previa no Pazo de Mos durante os días que se imparten as charlas sobre micoloxía. As prazas dispoñibles son limitadas.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES