sábado, abril 20, 2024
InicioComarcasLouriñaO Pavillón Óscar Pereiro amplía horarios e actividades

O Pavillón Óscar Pereiro amplía horarios e actividades

A normalidade regresa progresivamente á práctica deportiva municipal que se viu interrompida e mermada pola crise sanitaria da COVID-19

O Pavillón Óscar Pereiro amplía horarios e actividades tras superarse a fase aguda da pandemia. Así o informaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Deportes, José Areal, que explicaban que “comezamos a retomar a normalidade agora que parece que quedou atrás a fase máis severa da crise sanitaria da COVID-19, xa que a veciñanza precisa recuperar as súas actividades deportivas habituais, que son altamente beneficiosas para os hábitos de vida saudables e para manter unha óptima saúde física e mental”.
Deste xeito anunciaron que comezan de novo os cursos de natación en todas as súas modalidades (ata o de agora só cabía a posibilidade de natación por libre), así como as clases de ximnasia de mantemento para maiores.
A piscina municipal amplía notablemente os seus horarios pasando a abrir tamén polas tardes e as fins de semana (ata o de agora abría polas mañás de luns a venres).
Novo material deportivo
Por outra banda o ximnasio abre de novo as súas portas ao público, que estiveron pechadas durante toda a crise sanitaria como medida preventiva ante a COVID-19. A partir de agora os usuarios do Pavillón Óscar Pereiro xa poderán adestrar na sala de máquinas que conta ademais con novo material grazas a un convenio de colaboración entre o Concello e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. Concello de Mos e Secretaría Xeral para o Deporte, participaron conxuntamente neste proxecto de renovación de material deportivo en dotacións municipais co obxectivo de potenciar o deporte sendo conscientes da importancia da súa colaboración para afrontar melloras que beneficien ao conxunto dos cidadáns para a práctica deportiva. Para o Pavillón Óscar Pereiro adquiriuse unha nova máquina de musculación, banco, discos, material vario para natación, aquagym e waterpolo e outro tipo de material deportivo.
As persoas interesadas na práctica de calquera das actividades anteriormente descritas poden solicitar máis información, horario e prezos chamando ao teléfono do Pavillón Óscar Pereiro, 986 334 070.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES