sábado, abril 20, 2024
InicioNewsO PaísGalicia rexistra en agosto niveis superiores a xullo na ocupación turística

Galicia rexistra en agosto niveis superiores a xullo na ocupación turística

Alfonso Rueda avanzou que esta semana recibirase ao peregrino 100.000 no que vai de ano e que a Xunta mantén a previsión de pechar o ano con 140.000 Compostelas.

A Xunta confía nas boas perspectivas turísticas no que queda de verán grazas ao reforzo da mensaxe de Galicia como destino seguro e califica agosto como un mes excepcional en ocupación turística con niveis superiores a xullo, que xa pechou con moi boas cifras ao acadar un 80% máis de viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros que o ano pasado e con 20 puntos por riba da media nacional respecto a 2019.

Así, o confirmou o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, nunha visita ao hotel Auga de Mar de Vigo xunto co presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e membros da súa xunta directiva. Ao acto tamén acudiu á delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

O Goberno galego e o sector destacaron que en agosto se superarán os datos de xullo e se rondará o 80% de ocupación. Ademais, prevén que os resultados positivos se estendan ata finais de setembro, aínda que se calcula maior afluencia sobre todo na primeira quincena deste mes.

Alfonso Rueda incidiu en que as cifras e as boas previsións que se están a rexistrar para as próximas semanas son froito das medidas adoptadas para fomentar un modelo de turismo tranquilo e de calidade con iniciativas pioneiras para recuperar a confianza dos viaxeiros como o seguro coronavirus ou o traballo de promoción a través de potentes campañas como Camiña a Galicia para reforzar esa imaxe de Galicia como destino seguro e animar a turistas e peregrinos a visitar e camiñar á comunidade neste Ano Santo. Nesta liña, agradeceu ao sector o seu traballo e implicación para garantir a seguridade nos seus negocios.

Os bos resultados de xullo nos aloxamentos hoteleiros regrados tamén se da nos extrahoteleiros -apartamentos turísticos, cámpings, casas de turismo rural e albergues- cunha recuperación da afluencia ao recibir máis de 254.300 viaxeiros, o triplo que os case 97.000 contabilizados no mes anterior.

Ademais, o vicepresidente primeiro da Xunta referiuse á reactivación do Camiño de Santiago e lembrou o traballo realizado para garantir cun Camiño Seguro con tódalas rutas e albergues acondicionados. Avanzou que nesta semana se recibirá ao peregrino 100.000 no que vai de ano e que cada día selan a súa Compostela unha media de 1.400 peregrinos, dos que uns 43.000 chegaron en agosto, o que supón o 44% do que vai de ano e por riba dos 34.000 de xullo.

Por iso, a Xunta mantén a previsión de pechar este 2021 con 140.000 peregrinos, tendo en conta as estatísticas que recollen os que selan a súa credencial. O vicepresidente primeiro aclarou que a cifra global pode incrementarse nun 30% e rematar o ano cuns 180.000 peregrinos, xa que moitos fan o Camiño sen obter a Compostela.

 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES