jueves, marzo 28, 2024
InicioComarcasLouriñaMos insta a Fomento a desbloquear dous proxectos da N-550 ante a...

Mos insta a Fomento a desbloquear dous proxectos da N-550 ante a desesperación da veciñanza

Remitiuse unha carta ao Ministerio esixindo unha xuntanza coa Subdelegada do Goberno e representantes da administración local e veciños afectados

Esta semana celebrouse no Multiusos das Pozas unha Xunta de Voceiros dos diferentes grupos integrantes da corporación municipal, xunto coa alcaldesa do Concello de Mos, Nidia Arévalo, e técnicos municipais, á que tamén asistiu un representante veciñal dos afectados da parroquia de Louredo, José Couñago, para abordar a problemática local co Ministerio de Fomento do bloqueo das obras das necesarias intersección na zona de O Tablado e pasarela peonil en Amieirolongo (parroquia de Sanguiñeda), ambas na Estrada Nacional 550.
Da xuntanza extraeuse a decisión unánime de remitir a Fomento un escrito de ultimato para que retome ambos proxectos e de solicitude de reunión entre representantes municipais e veciñais coa Subdelegada do Goberno en Pontevedra, M. Carmen Larriba García, e a persoa responsable destas obras no Ministerio. A devandita carta foi enviada desde a Secretaría Municipal do Concello de Mos asinada por tódolos voceiros da corporación.
Trátanse ambas de demandas históricas que levan anos comprometidas polo Ministerio de Fomento, polo que a paciencia da veciñanza esgótase tras tan longa espera para dúas obras de mellora da seguridade viaria que son de vital importancia, por tratarse de puntos extremadamente perigosos tanto para peóns como para condutores.

Impotencia da veciñanza pola intersección en Louredo

A desesperación dos veciños afectados deixouna patente o propio José Couñago, representante dos habitantes de Louredo, que interveu ao comezo do pasado pleno, celebrado o 22 de xullo, expresando a impotencia que sinte a veciñanza afectada.
No caso da intersección en Louredo existe un proxecto de remodelación da intersección da N-550 que permita o xiro a Pombal, Pantaño e San Gregorio en ambos sentidos. O proxecto foi recibido no Concello en 2019, e contou co visto bo e luz verde por parte da parroquia de Louredo e da administración local, sen embargo o Ministerio de Fomento non o chegou a poñer en marcha. O orzamento a investir por Fomento ascede a máis de 711.000 euros e será crucial para facilitar os xiros e cambios de sentido de vehículos e optimizar a seguridade viaria nesta estrada nacional.

Reclamación histórica dunha pasarela peonil en Amieirolongo

Así mesmo desde o Concello de Mos e desde a Xunta de Voceiros desta administración local ínstase ao Ministerio de Fomento a que se retome o proxecto da pasarela en Amieirolongo, histórica reclamación dunha pasarela peonil que cruce o nó de Amieirolongo en Sanguiñeda, e que enlace o punto quilométrico 306 da A-52 coa Nacional 550, zona onde se atopan situadas varias superficies comerciais.
Cómpre lembrar que foi comprometida fai anos polo Ministerio de Fomento, previndo un orzamento de 130.000 euros, contando xa co proxecto aprobado, permiso de Patrimonio e coa cesión dos terreos por parte do Concello de Mos.
Con esta pasarela evitaríase que os peregrinos, así coma calquera outro viandante e veciño, teñan que cruzar a estrada Nacional 550 no cruce de Amieirolongo. Unha zona con moito tráfico rodado debido a que nela conflúen varias entradas e saídas da autovía, o que incrementa a perigosidade para os camiñantes, tendo en conta ademais que, a día de hoxe non existe habilitado ningún paso de peóns nin sinalización específica que optimice a seguridade dos mesmos.
No último informe técnico remitido en 2019 a Fomento, abórdase a situación en materia de seguridade viaria dos itinerarios peonís situados no punto quilométrico 155+500 da estrada Nacional 550. En dito punto o Ministerio de Fomento procedeu á construción dunha rotonda que regula o tráfico de vehículos que acceden dende a autovía A-52 á estrada N-550 e que dificulta o tránsito de peóns ao presentar a zona insuficiencia de infraestruturas peonís no lugar e contorna próxima, tales coma tramos continuos e conectados entre si de beirarrúas. Ademais, os tramos de beirarrúas que dende As Angustias e dende Amieirolongo discorren por ambas marxes da N-550 son desconexos ou descontinuos unha vez que chegan á mencionada rotonda e ás conexións da estrada N-550 coa autovía A-52, de maneira que non se garante o percorrido peonil, rematando na maioría dos casos en situacións de volta atrás ou de atravesamento moi perigoso a pé das saídas e entradas á autovía A-52. Así como o cruce do Camiño de Santiago no dito punto e ademais do trazado do Camiño que ven polo camiño da Quiringosta e se ven na obriga de cruzar dita nacional, existindo un risco importante para os viandantes.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES