jueves, marzo 28, 2024
InicioComarcasVal de MiñorO Entroido volve este sábado a Gondomar

O Entroido volve este sábado a Gondomar

A Praza Paradela acollerá, dende ás 17.30 horas, animación circense, música, disfraces e verbena

A COVID-19 foi a culpable de que no mes de febreiro non se puidese festexar o entroido e en Gondomar, en vez de pospoñela para o 2022, como así o fixeron a maioría dos concellos, optaron por non esperar tanto e celebralo xa no verán.
A cita será o vindeiro sábado, a partir das 17.30 horas na Praza Paradela, onde non faltarán actividades de animación, actuacións musicais e, por suposto, moitos disfraces.
“O Entroido volverá” era o retrouso do vídeo editado pola Concellería de Cultura o pasado mes de febreiro cando se anunciaba a suspensión destas festas. Poñíanse uns puntos suspensivos “a un programa que tiñamos claro que iamos recuperar”, afirma o alcalde Paco Ferreira, quen no seu día xa se comprometeu “a celebralo nos meses de verán”.
Así, para esta ocasión volveuse a compoñer outra nova peza audiovisual, lanzada hoxe mesmo anunciando que “o entroido chegou a Gondomar, desempoade os vosos disfraces, abride os baúis e sacade as vosas máscaras. O entroido volveu e elixiu o sábado 17 de xullo para que o celebremos ao grande. Esperámosvos en Gondomar a partir das cinco e media da tarde na praza Paradela”.

https://www.youtube.com/watch?v=J25DWsHod_c

Na I Edición do Entroido de Verán de Gondomar o grupo Sara Animación encherá a vila coa súa “Fantasía de circo” na que dez personaxes fantásticos e relacionados coa vida circense animarán as rúas do centro da localidade co seu carro musical, desde o que convidarán a bailar a grandes e pequenos, aos que tamén se lles propoñerán xogos para que se sumen a eles durante toda a tarde.
E para a ocasión, de novo en Gondomar soarán os acordes e a música das tan esperadas verbenas. Na mesma Praza Paradela, a partir das 21.00 horas, o Trío Azar amenizará o serán deste entroido tan esperado e que Gondomar confía en que se “festexe ao grande, sentando un precedente que sirva para pensar en novas edicións para os próximos anos”

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES