viernes, abril 19, 2024
InicioNewsO PaísOs xardíns do Pazo de Meirás, abertos ao público a partir de...

Os xardíns do Pazo de Meirás, abertos ao público a partir de xullo

Os tres primeiros días do mes de xullo están reservados para as visitas das asociacións pola memoria histórica e a partir do 4 de xullo, os xardíns do Pazo están abertos ao público en xeral. 

A cidadanía poderá percorrer os xardíns do Pazo de Meirás. así como as amplas zonas verdes, a partir do mes de xullo.Haberá que agardar, polo de agora,  para acceder ao interior do inmoble pois continúan os traballos de acondicionamento.

Dende o 1 de xullo ata o 4 de xullo, as visitas están reservadas para ós colectivos e entidades galegas de memoria histórica coa colaboración da Asociación Irmáns Suárez Picallo e, a partir do 4, o público xeral poderá aceder aos xardíns do Pazo de Meirás, que abre agora logo de pertencer máis de 80 anos á familia do dictador Francisco Franco.

Ao acto de sinatura de protocolo entre as distintas administracións, que tivo lugar no inmoble este sábado, acudiu a Vicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o presidente da Deputación provincial, Valentín González, a rexedora da Coruña, Inés Rey e o alcalde de Sada, Benito Portela, entre outras autoridades. Trátase dun documento «que ten por obxecto definir as liñas de cooperación e coordinación entre as institucións implicadas para xestionar este ben ata que as resolucións xudiciais sobre a propiedade do inmoble sexan definitivas», segundo a consellería.

Neste senso, Carmen Calvo apelou a que o Pazo de Meirás ha de ser «o relato da verdade» e o conselleiro sinalou a «altura de miras» das administracións. A rexedora da Coruña, Inés Rey, considera que «esta apertura é un símbolo de convicións democráticas» e o alcalde de Sada, Benito Portelo, comprometeuse a «manter viva a memoria das vitimas do franquismo» e o presidente da Deputación provincial agradeceu o labor das administracións.

Precisamente, coa chegada da Vicepresidenta, diferentes membros de asociacións pola memoria histórica pediron ao Gobero «máis feitos» e tiveron ocasión de intercambiar opinións con Calvo.

Cómpre facer as reservas para acceder aos xardíns do Pazo de Meirás polas canles de comunicación do Concello de Sada

En setembro a xustiza dictaminou que o Pazo de Meirás era propiedade do Estado e obrigou, así, á familia do dictador Franscico Franco a devolver o inmoble.

Ampliación do BIC

En canto á ampliación da declaración BIC, Román Rodríguez lembrou que neste momento a Xunta de Galicia e o Goberno central teñen aberta unha vía de diálogo para que o Executivo autonómico poida realizalo con todas as garantías xurídicas, tal e como vén propoñendo desde hai xa varias semanas. “A nosa colaboración para traballar na restitución de todo o que significan estas Torres para a historia recente de Galicia e España é total”, sostivo.

Un desexo “para os curiosos do ano 2000”

A Xunta, aseverou o conselleiro, “porá todo da súa parte” para facer realidade o desexo de Emilia Pardo Bazán de abrir as Torres de Meirás a toda a cidadanía traballando “con xenerosidade e vontade de colaboración” para defender os intereses do conxunto dos galegos. “Ela estaría orgullosa de ver como os valores da igualdade, a democracia e o pensamento crítico se abren paso despois dunha longa etapa na que o espírito do inmoble estivo deturpado polo franquismo”, engadiu.

“Segundo os expertos, non existe en Galicia, España ou Europa ningunha outra residencia dunha escritora construída e concibida como unha prolongación da súa obra, mesturando así arquitectura, arte e literatura”, declarou Román Rodríguez. Ao fío disto, lembrou as palabras, recentemente difundidas nunha carta da autora a José Alguero, notario de Betanzos e artista que colaborou no deseño de Meirás, na que afirmaba: “Para el decorado de la torre, que es la que yo he de habitar, quisiera imprimirle alguna huella personal, para cuando la visiten, si la visitan, los curiosos del año 2000”.

En vésperas da apertura dos xardíns de Meirás, o conselleiro lembrou a necesidade tamén “de abrir canto antes á cidadanía o interior das Torres”. Segundo o protocolo asinado hoxe, e ata a resolución definitiva do proceso xudicial, a Xunta de Galicia, ademais das competencias que lle corresponden en relación ao patrimonio cultural de interese para Galicia, incluirá nos seus programas de dinamización cultural as actuacións de promoción e difusión que se determinen pola Comisión Técnica, atendendo á súa destacada importancia como lugar de memoria.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES