viernes, marzo 29, 2024
InicioComarcasO CondadoA Xunta abrirá dúas novas aulas na escola infantil de Salvaterra para...

A Xunta abrirá dúas novas aulas na escola infantil de Salvaterra para o curso 21-22

O centro pasará a contar con seis unidades e 82 prazas, 21 máis que as que ten na actualidade.

 A Xunta de Galicia porá a disposición das familias de Salvaterra de Miño e dos municipios da contorna dúas novas aulas na escola infantil para o inicio do vindeiro curso 2021-2022. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado da alcaldesa do concello, Marta Valcárcel, comprobou hoxe o avance dos traballos de ampliación deste centro, que pasará de catro unidades e 61 prazas a seis unidades e 82 prazas.

Perfecto Rodríguez destacou que esta actuación “vén cubrir unha necesidade que existía no concello, xa que permitirá atender a un maior número de nenos e, deste xeito, mellorar as posibilidades de conciliación das nais e pais”. De feito, coa entrada en servizo das novas aulas ofertaranse 21 prazas máis nunha escola que pechou o período ordinario de solicitude de matrícula con 55 nenas e nenos admitidos e 41 en lista de agarda.

As obras, que se iniciaron a finais do ano pasado e que están practicamente rematadas, teñen un custe algo superior aos 200.000 euros. Desta contía, a Administración autonómica achega 161.000 euros, dos cales o 80% proceden do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. O Concello de Salvaterra de Miño asume a cantidade restante, ademais dos custes derivados da redacción do proxecto e dirección de obra.

Aulas, sala de usos múltiples e equipamento

O proxecto de ampliación do centro supón a creación, nunha edificación anexa, de dúas aulas e dous aseos, así como o aumento das dimensións da sala de usos múltiples e a habilitación dunha zona para o aparcamento de carriños. Con esta intervención a superficie útil da escola increméntase en preto de 250 metros cadrados.

Así mesmo, e coincidindo coa última fase destes traballos na escola, a Xunta ten nestes momentos en licitación o equipamento do mobiliario e material necesario para a entrada en funcionamento das novas unidades. O orzamento deste contrato ascende a case 50.000€, financiados nun 80% polo Feder, e as empresas teñen de prazo ata o martes da vindeira semana, día 8, para presentar as súas ofertas.

O contrato inclúe dotar á escola do mobiliario e dos complementos necesarios para o desenvolvemento do servizo; así como o subministro de instrumentos musicais, artigos deportivos, xogos, materiais artísticos e accesorios. Tamén contempla o equipamento de aparatos electrodomésticos.
 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES